dilluns, de juny 30, 2014

[ gz ] Por unha esquerda que deixe de selo

Artigo publicado na revista Luzes, Xuño 2014, Número #07



O inesperado éxito de Podemos nas europeas desencadeou un importante debate arredor da súa propia natureza e da medida en que esta cuestiona a política tal e como a coñecemos. Saber que acontece na esquerda, ou que esquerda precisamos, pasa por responder á ecuación que vén de formular Podemos. Acontece, porén, que Podemos non é máis que o «X» da ecuación; a punta do iceberg co que vén de colisionar o réxime. Por iso, en rigor, mellor fariamos en preguntármonos polas condicións de posibilidade que fixeron posíbel a ecuación. 

Pénsese, por exemplo, que se Podemos foi quen de conseguir 5 escanos, o bipartidismo do PP e do PSOE perdeu 17. E mesmo se non fose moi atinado considerar unha correlación directa entre (1) a baixada do bipartidismo por baixo do 50% e (2) os escraches feitos pola PAH durante a campaña, o que si parece fóra de toda dúbida é que estas accións tiveron un efecto paralizante que se viu engadir aos deméritos propios polos casos de corrupción, xestión neoliberal da crise, etc.

A abstención apenas mudou a respecto das anteriores agás en Catalunya, onde paradoxalmente Podemos obtivo peores resultados. Non é casual, vai de seu, que o Procés ten moito que ver. E que á vista está que a emerxencia dun proceso como Podemos conseguiu o seu primeiro e máis elemental obxectivo: alterar a disposición das fichas no taboleiro político. [...]